3.9.2.1 Actuación do P.G. na cuestión
agraria e no problema ferroviario
Na III Asamblea do P.G., celebrada a mediar
xaneiro de 1934, todos coinciden con Víctor Casas e Paz Andrade (669)
en que a actuación política do agrarismo en Galicia ata ese momento
fora unha esperanza frustrada. Nas eleccións de 1933 constataran que as
sociedades e sindicatos agrarios actuaban sen unidade política nin
ideolóxica, servindo en ocasións a intereses que o P.G. consideraba
estranos a Galicia e ós problemas do seu agro. Tal acontecera en
Pontevedra, e de modo moi especial en Lugo, onde era grande o risco de
que moitas asociacións agrarias fosen asimiladas polo ultradereitista
«Partido Agrario Español», que contaba con dous deputados na provincia: Luis Rodríguez de Viguri e Felipe Lezcano y Morales. O temor
que lle inspiraba ó P.G. o partido de Martínez de Velasco, que segundo
él representaba os intereses dos ricos viñateiros e aceituneiros
andaluces xunto cos dos trigueiros casteláns, quedou ben patente nunha
importante cantidade de artigos adicados a combati-lo (670).
A experiencia adquirida polo P.G. o induce a
revisar a sua concepción sobor das sociedades agrarias, consistente en
que se mantiveran exclusivamente no terreo gremial e
técnico-económico, sen embandeirarse políticamente. A ilusoria
pretensión de que as sociedades agrarias fosen o galeguismo o que a «UGT» era
ó socialismo, levou a que a
II Asamblea do P.G.
rexeitara a solicitude de ingreso de algunhas asociacións agrarias. Na
III Asamblea, os galeguistas desbotan a concepción apartidista do
agrarismo aceptando que as sociedades que o desexaran se poidesen
adherir ó P.G. (671). Con elo daba un importante paso no camiño da
transformación dun partido de minorías, cun forte compoñente
intelectual, nunha organización de masas.
Na etapa que nos ocupa resulta máis difícil
determinar o influxo do P.G. nas sociedades agrarias, por canto que na
maioría dos mitins que da por invitación delas participa tamén I.R., de
xeito que non podemos precisar con rigor cal dos dous partidos
capitalizaba as suas simpatías. Temonos que limitar, pois, a aqueles os
menos nos que o P.G. actúa en exclusiva, e dentro deles ós que
existen testimuños claros da adhesión dos agrarios. Cónstanos que o
P.G. exercía un importante ascendente sobor da «Sociedad Agraria de
Lavadores» (672), agrarios de Monterroso
(673), asociación de Baion e
Vilagarcía, perteñecentes á «Federación Agraria
Comarcal» (674), agrarios da zona do Grove
(675), de Muros e da Serra de
Outes (676); ó cabo, sabemos que inflúe tamén notablemente na
Federación Agro-percuaria de Negreira (677). O P.G. alentou un proceso de
confluencia promovido pola «Federación Agraria Comarcal de
Santiago, da que eran dirixentes: Domingo Rozas e Ezequiel Rey Turnes.
Suarez Picallo asistiu en representación do P.G. a un congreso comarcal
celebrado en Santiago, en marzo de 1934, co obxectivo de uni-Ias
asociacións e federacións comarcais dos distritos de Santiago,
Negreira, Padrón e Ordes, rematando co seu taifismo por medio dunha
federación provincial da Coruña que sería un paso previo para chegar a
unha confederación de ámbito galego (678). A tenor dos casos que obran no
noso poder, semella que tal cousa non se levou a cabo.
O principal bastión agrario do P.G. segiu
sendo a «Federación Provincial Agraria» de Pontevedra. O seu
consello directivo reunido a fins de 1933 acordou activa-lo proceso de
conversión das sociedades federadas en sindicatos e levar a efecto a
organización dos seguros mutuos de accidentes de traballo na
agricultura. Pero o que máis nos interesa é a valoración que fixo a
F.P.A. da sua actuación como «Partido Agrario» nas eleccións
de novembro de 1933. Recoñecía que as forzas da coalición esquerdista,
nas listas da cal presentarase a F.P.A., quedaran decepcionadas porque
non tódalas asociacións perteñecentes á Federación mantiveran a
disciplina de voto. Noustante consideraba, «pro domo sua»,
que a maioría dos sufraxios obtidos pola conxunción partían do sector
agrario. Segundo isto a saude da F.P.A. non podía ser mellor, pero por
baixo das análises complacentes e autoafirmativas a realidade era ben
outra. Voces máis críticas, como a de Indalecio Tizón, encárganse de
poñela de manifesto (679). Sinala Tizón que na provincia pontevedresa os
candidatos agrarios foran os menos votados da candidatura da coalición
esquerdista. Pero o revés máis serio sofrido polo agrarismo non
consistiría en perde-Ias eleccións, fracasando o ensaio de actuar como
un partido político, senon que estribaba no deplorable estado en que
quedaran as organizacións que integraban a F.P.A. En efecto, segundo
Tizón, antes do 19 de novembro había varias Federacións municipais
rixidamente disciplinadas. Dempois daquela data non quedaban máis que
unhas cantas sociedades desmandadas, nas que nin os afiliados se
entendían. A F.P.A.
tiña, pois, por diante unha tarefa de
reconstrucción de moitas das organizacións, de conquerir que actuaran
politicamente unidas (a que actuaba con maior independencia era a de
Pontevedra) e de implantarse en partidos xudiciais como Lalín, A Cañiza, Caldas de Reis e Pontecaldelas, onde non contaba
con ningunha
sociedade de agricultores.
O Congreso de Vilagarcía, celebrado o 25 de
febreiro de 1934, foi un momento importante no proceso de
reconstrucción da F.P.A., tanto polo número de delegacións
asistentes, como pola cantidade de adhesión recibidas (680). Nel aprobouse
unha lista de reivindicacións e a transformación que xa comentamos
das asociacións agrarias en sindicatos agrícolas, ó amparo da Lei
Gasset de Asociacións, do 26 de Xaneiro de 1906, que as eximía de
importantes pagos a Facenda. Constituiuse ademais unha ponencia co
encárgo de elaborar un traballo sobor do cooperativismo (681)
escindiuse
o sector afecto ó P.C.E. (682)
e a F.P.A. renunciou a tentativa de se
converter nun partido político agrario, que por certo tiña xa un
programa elaborado polo consello directivo, e discutido en reunións
parciais, pero que non chegara a ser aprobado por tódalas Federacións (683). Ó cabo, os agrarios pontevedreses resolveron
requerir
ás formacións republicanas de esquerda para que formasen un frente en
defensa da República e contra o avance da reacción e do feixismo (684). A
orientación esquerdista da F.P.A. quedaba así reafirmada e a esta
directriz teríanse de plegar os concellais agrarios da Federación nos
Axuntamentos nos que como Tomiño ou Ponteareas tiña representación.
Como marcaba o signo dos tempos, a proclividade esquerdista tiña o seu
correlato no laicismo e, deste xeito, a título de exemplo, promoveu a
secularización de cimiterios (685).
Comentando o Congreso Agrario de Vilagarcía,
Xerardo Alvarez Gallego escrebe un artigo no que expresa un punto de
vista que non coincide coa tese da adscripción das asociacións
agrarias ós partidos, aprobada na III Asamblea do P.G. Alvarez Gallego
segue a postular (686) que as asociacións agrarias salvagardasen a sua
autonomía, limitándose a apoiar dun xeito flexible ó partido que
mellor estimasen que representaba os seus intereses.
En agosto de 1934 a F.P.A. adícase a
difundi-lo seu programa pola provincia, facendo fincapé nunha serie de
reivindicacións ás que axiña aludiremos. Cabe destacar tamén a
aceptación da oferta de converter «El Tea» de Ponteareas no
voceiro oficial da Federación (687). A etapa de lenta e calada
reorganización agraria da F.P.A. culminou no Congreso celebrado en
Porriño o domingo 10 de marzo de 1935. Alonso Ríos agardaba que as
proposicións referentes ó cooperativismo e mailo lanzamento da
iniciativa dunha conferencia económica rexional marcarían novos rumbos
para o agrarismo da provincia pontevedresa (nas de A Coruña e
especialmente de Ourense, todo parece indicar que fracasou o empeño de
espallar a F.P.A.). Isto o dí nun artigo (688)
no que plasma fidelmente o
ideario galeguista, afirmando que co cooperativismo conqueriríase a
solidaridade económica dos campesinos, e mercede ó estudo da economía
rexional chegaríase á evidencia de que o labrego ten uns intereses
coincidentes cos dos restantes sectores sociais de Galicia, entramentres
que podían ser alleos, e mesmo opostos, ós dos seus conxéneres
doutras rexións. Engade que:
«Habremos de aprender que, queramoslo o no, por encima de Ia solidaridad
de clase [...] esta Ia solidaridad económica del individuo con el medio geográfico en que vive. Comprenderemos, finalmente, que Ia
servidumbre económica a que Galicia se halla sometida dentro del Estado
Español [...] nos daña a todos por igual» (689).
|
Istos argumentos ían destinados a un sector da
F.P.A. partidario dun entendemento coas agrupacións agrarias de
Castela de cara a unha actuación coincidente. A combatir esta índole
de criterios adica A.N.T. varios artigos, nalgúns dos cales (690)
calificaba tal idea como aberrante por teren os agrarios de Castela uns
intereses antagónicos ós de Galicia; noutros censurábase a moitos
sindicatos e sociedades agrarias por prestaren máis atención a
problemas non galegos que ós propios deles (691).
No transcurso do Congreso de Porriño o líder
galeguista e vicepresidente da F.P.A., Alonso Ríos, tivo unha
participación moi destacada. Foi el que conqueriu que se alterara o
orde do día para dar prioridade a duas ponencias nas que se pedía que
non se exercitara ningunha sentencia de pena de morte e se concedera a
amnistía para os presos políticos (692). A cuestión do cooperativismo foi
moi debatida, destacando Núñez Búa, a quen se lle pedira a sua
opinión como tamén se recabara doutros técnicos especializados no
tema (como por exemplo, Rof Codina, que non asistiu pero enviou unha
carta). Sobor deste particular non se adoptou resolución ningunha por
consideralo dabondo importante como para adicarlle maior estudo. Ademais
de múltiplas resolucións sobor de diversos temas de arnaxe agraria,
foron aprobadas outras referentes ó reforzamento da disciplina interna
da F.P.A. (quedaba establecido que sen consultar ó Congreso as
delegacións das Federacións locais non poderían rubricar pactos), a
petición da autonomía para Galicia, a reposición dos concellais
agrarios arbitrariamente depostos por non estaren implicados nos sucesos
da revolución de Asturias, á suspensión da censura de prensa, e a
promoción como desexaba o P.G. dunha conferencia económica rexional.
A desmovilización cívica patente na falla de
resposta ante cuestións que, como a aprobación do Tratado comercial co
Uruguai, perxudicaban gravemente á economía agropecuaria de Galicia,
unida ós arrancos gubernativos que ó longo deste bienio atopaban as
forzas sindicais e políticas, non cabe a menor dúbida que afectaron
seriamente á actividade da F.P.A. Por elo o P.G. recibiu con grande
ledicia a decisión da Federación, tomada a primeiros de outono de
1935, de ir cara a formación dun frente de loita en defensa dos
intereses galegos, e de convocar para o 30 de novembro un magno comicio
agrario ante o monumento de Sobredo, co afán de dar ós labregos
conciencia da sua solidaridade (693).
Na segunda metade de 1935 prodúcese un certo
distanciamento entre o P.G. e o seu principal líder na F.P.A. En
efecto, ainda que Núñez Búa, Suarez Picallo, Anxel de Cambeses (en
Lavadores) e Xerardo Alvarez Gallego (694)
e posiblemente outros de menor
relevo, inciden ocasionalmente na F.P.A., ningún se pode asemellar a
Antón Alonso Ríos. Pois ben, o P.G. criticaba a Alonso Ríos por
escribir asiduamente en «El Pueblo Gallego» (695)
defendendo a
actuación de Portela Valladares no Goberno, en tódolos ordes, pero
singularmente na firma do Tratado co Uruguai (696). A mesma «A.N.T.» destilaba de cando en vez algunha que outra censura a
actuación de Alonso Ríos. Así, nunha ocasión sinalou que este
dirixente deixárase contaxiar polo ambiente nun mitin de contido «hespañolista», segundo o P.G. dado pola Federación Comarcal no
Teatro Principal de Pontevedra, no que asistiu pouco público, os
oradores expresaronse en castelán e reinou en xeral un clima de desánimo (697). De tódolos xeitos, Alonso Ríos, de quen temos o último
testimuño documental de adhesión ó P.G. en outono de 1934 (698), segiu
sendo un home afecto a este partido (699). De feito non nos consta que
exista indicio ningún de que Alonso Ríos se divorciara da política
esquerdista do P. G. para secundar a opción de centro de Portela. Hai
ademais un dato que nos confirma na nosa tese: o lider agrario
galeguista sintonizaba coa resolución de alianza coas forzas de
esquerda, aprobada no congreso celebrado pola F.P.A. en Lavadores a fins
de novembro de 1935, que foi o que fixo en parte posible que pasara a
selo dirixente máis votado pola base. Neste congreso o P.G. obtivo un
resoante éxito cando os máis de 300 representantes agrarios (enviados
por 82 delegacións que agrupaban a 13.000 afiliados) ocupáronse de
percurar un xeito de soster un pacto permanente co P.G. (700); ademais
das mostras de simpatía de que foron obxeto os galeguistas, na
resolución adoptada pola F.P.A. especificábase que para chegar a un
frente de esquerdas, do que só debían quedar marxinadas as forzas que
gobernaron ou apoiaron os gobernos dende 1933, tomaríanse como punto de
partida as bases pactadas entre I.R. e o P.G. (701).
A F.P.A. integrouse no Frente Popular,
recibindo soamente un posto na sua candidatura electoral. Verificada
unha votación entre os asociados saeu gañador Antón Alonso Ríos con
7.200 sufraxios, entramentres que o que viña sendo o máximo dirixente,
Ramón Alonso Martínez, quedou relegado con 6.100 votos (702).
Os temas que centraron a atención do movemento
agrario no segundo bienio foron básicamente os mesmos que no primeiro,
coa salvedade de que varios deles agraváronse.
O pesadelo do foro seguía vivo no campo. A Lei de Reforma Agraria
abrogará os foros de carácter señorial, pero o trámite de
demostración dese tal carácter, imprescindible para que o pagador
quedase exento do gravame, limitou severamente o alcance redencionista
da disposición legal. Na anterior etapa de predominio da esquerda, dun
modo xeral os señoríos deixaron en estado de latencia as suas
reclamacións. Co acceso ó poder das forzas conservadoras, os titulares
das rendas forais encoraxaronse dispostos a da-Ia batalla pola
salvagarda dos seus intereses que consideraban asenderados. O problema
volve a adquirir así novamente agudeza. As tramitacións xudiciais
estaban de feito e «de iure» suspendidas, por existiren
reiteradas resolucións neste senso, fixando o seu aplazamento até que
se dictase unha lei que puxera definitivo remate ó secular pleito. A
pesares delo, os cobradores de foros: «que dicen con todo descaro
que Ia actuación de derechas les favorece» (703)
presionaban nos
xuzgados e valíanse de diversos procedementos «abusivos» para
extorsionar ós labregos obrigándolles a paga-las rendas. En A Cañiza,
Tui, Redondela e Vigo cometeronse actos de asoballamento, segundo
denuncia a prensa (704), ante o cal ergueuse un movemento espontáneo de
campesinos, que tentou de facer frente á situación, sen demasiado éxito ó que parece. Concretamente en Arbo, elementos de diversos
núcleos rurais, constituiron un «Frente único antiforal» en defensa dos seus anceios de liberación (705).
O problema perdura, pois, ó longo de todo este
período, e mesmo agrávase visiblemente. Constitue un síntoma
esclarecedor que a altura de xaneiro de 1936 lle propuxeran a Portela
Valladares que dictase os decretos pertinentes que esixía o alcance da
Base 22 da Lei de Reforma Agraria, con arreglo á cal declarábanse
abolidos todolos foros de carácter señorial, que eran incontables en
Galicia. Para os restantes foros solicitaban un proxecto de lei, en
virtude do cal se declararan abolidos todos, fixándose normas de
redención económica e prestándose o Estado a auxiliar ós campesinos
probes para liberalos, tendo en conta que tamén adicara importantes
sumas no resto de España destinadas ó melloramento do campesinado (706).
Por outra banda estaba a cuestión do Tratado
comercial hispanouruguaio, que permitiría a importación de 12.000.000
de kilos de carne anuais, aparte do gando vivo e mailos subproductos da
gandeiría (707). O Tratado estaba só pendente de ratificación
parlamentaria e dende os primeiros meses de 1934 erguense voces no
Parlamento, e fora del, solicitando a aprobación definitiva.
Presionaban en tal senso as autoridades uruguaias, aducindo o balance
comercial bilateral desfavorable (708), e os representantes dos
exportadores de viños, aceites e conservas (709)
que se verían
beneficiados polo réxime de contrapartidas. Os gandeiros de Pontevedra
(710) e algunhas sociedades agrarias enviaron telegramas ó
Goberno pedindo que non fora ratificado o Tratado, pero o P.G. temía o
pior por canto non agardaba nada dos deputados galegos entre os que
figuraba pola Coruña un representante de «Frigoríficos
Uruguayos» (711) e constataba ademais a situación de
desmovilización en que se atopaban as sociedades agrarias (712). Compre
sinalar que o Tratado respostaba ás necesidades de exportación españolas e non ás de abastecemento do mercado interior de carne. Proba
delo e que o 18 de xaneiro de 1934 o Goberno víuse na obriga de
suspender a importación de carne conxelada dada a saturación que
rexistraba o mercado estatal en razón dos continxentes que se
introduciran a raiz da autorización ministerial do 27 de abril de 1932,
destinados exclusivamente á fabricación de embutidos, pero que na
práctica segundo o recoñocía o propio Goberno desviárase unha
gran
parte ó consumo directo (713).
En marzo de 1934 discútese no Parlamento a
cuestión dos tratados comerciais. Soamente o deputado por Galicia e
ministro de Estado, Leandro Pita Romero, defendeu os interses gandeiros;
os demais deputados galegos permaneceron en silencio sen decidirse a
apoialo, quedando así completamente desasistido e tendo que arrostrar
ademais a arremetida do xornal madrileño «El Sol» (714). A isto
engadíase a súplica: «de tono mendicante, choroso e
servil» dirixida polos organismos galegos ó Goberno, para que non
foran esquencidos os intereses gandeiros de Galicia, amenazados polo
Tratado co Uruguai (715). Por todo elo, o P.G. orienta a sua estratexia a
conquerir que o Tratado fose modificado de xeito que resultara menos
perxudicial para Galicia, antes que a impedir que se ratificara, por
parecerlle xa utópico. Este punto de vista o expresa Bóveda nun artigo
(716) no que ademais sinala que os galeguistas: «poñemos por
enriba de todo o intrés da nosa Patria», polo que non quería
aproveita-Ia ocasión para criticar ós parlamentarios galegos, querendo
mellor estumulalos para que comprisen coa súa obriga. Este mesmo
plantexamento o levaba a louvar o comportamento de Pita Romero, a
pesares das diferencias que o arredaban del. As exhortacións que
Bóveda repetía (717) pareceu por un momento que foran escoitadas cando en
nadal de 1934 os deputados galegos pertenecentes ós partidos
gubernamentais acordaron constituir un bloque para defender no
Parlamento os intereses económicos de Galicia, especialmente os que
estaban en relación coa lei de arrendamentos e cos tratados comerciais (718). Mais pouco durou o espellismo, xa que en febreiro de
1935 dábase por virtualmente aprobado o Tratado co Uruguai e gravitaba
a amenaza de outro, tamen moi nocivo para Galicia, con Arxentina (719). O
bloque formado polos deputados galegos revelouse inoperante, e a propia
sociedade civil amosábase apática e adurmiñada (720); así o recoñecía o
propio P. G.:
«Y Io que es peor, resignada, Galicia no reacciona, se conforma con
que Ia arruinen. Calla a todo, y todo lo más, se lamenta en voz baja. Es cierto que no sabemos que funcione el bloque parlamentario de los
deputados gallegos; pero también es cierto que el país no estimula tampoco su actividad, no exige nada de ellos, se abandona a lo que
buenamente quieran o puedan hacer.» (721)
|
En maio ambolos dous tratados quedaron
definitivamente aprobados co consentimento de tódolos deputados
galegos, dos que somentes tres fixeron algunha obxeción que non lles
impediu ó cabo votalo favorablemente (722). A. Vilar Ponte sinalou que se
os parlamentarios por Galicia se chegan a opoñer á aprobación
contarían co apoio dos deputados cataláns, dado que o destacado
economista da Lliga, Badia, dixera na Cámara que pola caída vertical
do Uruguai o convenio en troques de útil resultaría perigoso (723)
. O P.G. censurou o comportamento de Portela Valladares, que, sendo ministro
á sazón, non fixera todo o posible para impedi-Ia aprobación do
devandito Tratado, en flagrante contraste coa rexa actitude opositora
que observara dous anos antes (724). Alonso Ríos, pola contra,
disculpouno aducindo que cando accedeu ó Goberno xa estaba o asunto
ultimado, e ademais non perteñecía ó seu departamento que era o de
Gobernación (725). O P.G. criticou tamen a Basilio Alvarez por non
protestar no Parlamento contra o Tratado (726).
As repercusións da entrada das carnes procedentes dos países
rioplatenses non tardaron en manifestárense (727). A pesares dela, o corpo
social seguiu aletargado (728)
producindose somentes esporádicas
protestas (729), sen que tampouco a prensa amosara excesivo interés en
aguilloar á opinión pública, e ademais naqueles contados casos en que
tentaba adoptar unha actitude contestaria a censura encargábase de
calmarlle os ánimos (730).
Aludiremos agora a outros temas que tamen
preocupaban ós agrarios.
Os gravámes existentes para a destilación do
bagazo e a comercialización dos augardentes, eran adoito impugnados nos
congresos agrarios (731). En relación con isto, solicitaban que se
intensificara a vixilancia para evitar a fabricación artificial de uvas
e se limitara, nunha medida prudente, a entrada en Galicia de caldos
exóticos que servían para abasta-lo producto e para adultera-los viños
do país (732).
Considerábase moi urxente a elaboración dun Catastro de rústica que
evitase as inxustas e discriminatorias imposicións tributarias (733).
Os
agrarios en xeral sostiñan o criterio de que, por distintos conceptos,
tributaban máis do que en xusticia lles correspondería (734). Chegou a
haber sucesos cruentos co gallo da cobranza dun imposto (repartimento de
Utilidades) ó que os labregos opúñanse por consideralo inicuo. A
traxedia deuse en Baltar, pobo da provincia de Ourense que continuou así
a tradición de lamentables episodios da Monarquía: Oseira, Nebra,
Sofán, Sobredo, etc. (735).
Velaí por qué unha reivindicación moi
reiterada era a petición de exención tributaria para os uteis de
traballo, carros do país que non se adicaran a labouras de transporte
para terceiras persoas e o patrimonio familiar. Opúñanse os agrarios a
que se estableceran impostos onerosos para os concellos rurais, que facian imposible a percepción de recursos para facer frente ás
necesidades impostas polo Estado (736). Pedían tamén a supresión do
imposto de persoas xurídicas para os sindicatos agrícolas e a
anulación das cédulas personais, sustituindoas por un carnet de
identidade gratuito. Interesaba, ademais, ós agrarios a cuestión do
cooperativismo, a mellora da comercialización do gando e o incremento da vixilancia para evitar o contrabando de gando na fronteira. A
reforma das transaccións das feiras, de xeito que se efectuasen ó
contado e desaparecese a cautela evitando as «martingalas» dos
traficantes. A creación de escolas, granxas agrícolas e cátedras
ambulantes; a supresión do caciquismo e a libre importación do millo,
impedíndose o acaparamento (737). Máis excepcional era a petición de que
os obreiros do campo en paro poidesen percibir tamén o subsidio obreiro
(738). Polo demais, o bloqueo dos xiros da emigración incidiu moi
negativamente no campesiñado. En efecto, o «Centro de Hijos de
Vigo» enviou un documento ós deputados galegos, no que denunciaba
a grave penuria, e ainda verdadeira fame, que reinaba entre moitos
campesiños polo bloqueo do diñeiro procedente de América (uns
trescentos millóns anuais), co que se cobría o deficit da producción
familiar, aliviábanse as leiras do recargo contributivo e evitábase
caer no prestamo usuario. Sucedía, ademais, que por efecto do bloqueo o
diñeiro de America perdía valor adquisitivo, de xeito que un cheque en
pesetas custaba cada vegada máis pesos arxentinos ou máis reais
brasileños. Estimábase que este diñeiro perdera un trinta por cento da
sua cotización cambiaria. A elo hai que engadir o regreso forzado a
América de familias enteiras, tornadas xa do éxodo co ánimo de
permanecer en Galicia mercede ós seus aforros, cousa imposible por mor
da devaluación que fixera mella neles. Non nos debe extrañar, pois, que
as sociedades agrarias tivesen gran interés en que se establecese un
convenio comercial cos países de America (para importar millo, por
exemplo) que, equilibrando a balanza de pagos, permitira o desbloqueo e
evitara a manobra cambista sobor dos xiros (739).
A cuestión da construcción do ferrocarril de
A Coruña a Zamora saeu novamente á palestra pública a raiz dun acordo
do Consello de ministros, celebrado a mediar febreiro de 1934, polo que
se concedía preferencia ás obras da ferrovia galega. Noustante E.P.G.
recibíu con reticencia esta disposición (740)
por poñe-la urxencia da
intensificación do ferrocarril central galego no mesmo plano que outras
obras secundarias, e porque namentras que se mantiña a lonxanía dos
grandes portos galegos verbo de Madrid, acortábase a distancia dende
outros portos españois do Cantábrico.
As obras do ferrocarril galego proseguiron
ainda que non ó ritmo desexable (741). Paralelamente, Bóveda aproveita
unha elevación de tarifas ferroviarias para atacar á compañía do
Norte atribuindolle a culpa do atraso ferroviario de Galicia, e tamén
á compañía do Oeste, que segundo el obtiñan beneficios en Galicia,
polo que resultaba de todo punto inxustificada a suba das tarifas.
Galicia, pois, padecía unha medida decretada para toda España, que non
teña nela xustificación. Era unha manifestación máis do centralismo
que perxudicaba a exportación de peixe e gando, sen que, a todo isto,
os parlamentarios galegos protestasen (742).
En situación estacionaria estaban, en febreiro
de 1934, as obras do ferrocarril Ferrol-Xixón, que escomenzaran facía
nada menos que cincoenta anos, sen que se albiscara unha perspectiva
clara de reanudación (743). As crises gubernamentais que se producen a
mediados de 1935 comportan a supresión da consignación presupostaria
asignada para o ferrocarril Zamora-Coruña, coa conseguinte amenaza de
paralización das obras e o despido dos 6.100 traballadores galegos
ocupados nelas (744). A pesares das xestións gubernativas de Portela
Valladares e dunha interpelación parlamentaria dirixida polo deputado
Fábrega ó ministro de Obras Públicas, Manuel Marraco (745), as obras
interrompíronse en agosto no tramo Ourense-Santiago (746), en tanto que no
primeiro de setembro seguiron análoga sorte os tramos restantes (747). A
todo isto as obras de ferrocarril da costa estaban támén paralizadas.
As reunións das autoridades locais e provinciais sucédense, e os
parlamentarios efectúan xestións que non obteñen máis que respostas
contemporizadoras (748). Compre salientar a falta da reacción cívica que
tan punxente agromara no bienio anterior. O P.G. fiaba pouco na
actuación dos parlamentarios porque votaran favorablemente no
Parlamento a lei que deixaba ó ferrocarril galego sen consignación (749).
Estando así as cousas, ten lugar na Coruña unha magna asamblea (750)
o 16
de setembro. O P.G. mostrábase partidario de adoptar actitudes
contundentes que fixeran ceder ó Goberno (751), e quedou descontento do
resultado da asamblea. Polo interés que ten referirémonos a ela con
certo detenimento. Digamos previamente que o movemento que deu orixe á
asamblea foi pulado por forzas políticas e sociais de significación
moi dereitista e conservadora, destacando o presidente da «Asociación Patronal de La
Coruña», Pérez Cepeda. Os
representantes destes sectores ostentaron a presidencia da asamblea da
Coruña e conduciron o proceso, co cal se lle arrebatou ó pobo o
protagonismo na cuestión do ferrocarril, segundo sinalaba o periódico
galeguista de esquerdas «Ser» (752). A relación de organismos e
entidades asistentes (753) confirma o punto de vista devandito. Noustante,
a opinión de esquerdas, encarnada por Suarez Picallo e Cesar Alvajar,
plantexou a batalla. A primeira escaramuza tivo lugar cando facía uso
da palabra o alcalde de Santiago (por designación gubernativa) Vázquez
Enríquez; este aludíu a que o quebranto da economía de Galicia xurdíu
ó escomenza-lo réxime republicano, provocando suspicacias das que se
fixo eco Suarez Picallo, quen se creu na obriga de interrumpilo para
defender ó réxime, afirmando que a economía de Galicia estaba xa
quebrantada dende antes do advenimento da Republica, pola Dictadura e a
Monarquía. A intervención de Picallo suscitou rebumbio e protestas, que
estimularon ó representante do P.G. a continuar falando:
«¿Con qué derecho quienes deben al Gobierno central sus puestos,
quienes apoyan con sus votos a ese Gobierno se quejan de los malos tratos de ese mismo Gobierno? Sólo unos farsantes pueden aconsejar
al
pueblo actitudes heroicas contra las medidas de un Gobierno al que
sirven, pues si esas actitudes se llevasen a cabo ellos serían los
primeros en castigarlas desde los cargos que ocupan.» (754) |
As palabras de Picallo cambiaron o ambiente da
asamblea, de xeito que Vázquez Enríquez non puido continua-lo seu
discurso a pesares de clarexar que non quixo imputar o réxime, senón a
quen o tiñan conducido nos primeiros tempos.
Dempois da intervención do diputado coruñés, Rodríguez Pérez, quen
se referiu ó informe emitido polo «Consejo Superior Ferroviario»
que acordara que todolos ferrocarriles en construcción pasaran ó grupo
B, ou sexa ós que se debían construir coa aportación económica das
Deputacións provinciais interesadas na obra, tivo lugar o segundo
embate da esquerda. Producíuse este a raíz da intervención de Cesar
Alvajar, presidente do «Casino Republicano», quen presentou
unha moción na que propuña o nomeamento dunha Xunta de Defensa, capaz
de levar a termo as aspiracións populares na cuestión do ferrocarril e
de extender logo a sua beneficiosa acción cidadana a outros aspectos
relacionados co progreso e benestar de Galicia; atacou logo ó Goberno e
a «Compañía do Norte», (imputándo a Emiliano Iglesias de
ter intereses nela), e rematou solicitando a dimisión dos cargos
oficiais. Suarez Picallo apoióuno precisando que a Xunta de Defensa
debía encarnar a unidade de Galicia como entidade diferencial, e
facendo notar a discriminación económica que padecía Galicia en
relación ó trato dado polo Goberno a outras rexións, como Andalucía.
Ambolos dous oradores foron amonestados polo delegado gubernativo,
circulando o bulo entre o publico asistente de que serían detidos ó
remate do acto, o cal xenerou un movimento de protesta e a amenaza do
emisario gubernativo de suspende-Ia asamblea. O cabo, Manuel Casás
conqueriu reconducir a marcha da asamblea cunha intervención moi
aplaudida, á que puxo remate solicitando a dimisión dos parlamentarios
e mailas corporacións se non se construía o ferrocarril. Leronse a
continuación as conclusións nas que se pedía a construcción de todo o
trazado sen postergar ningún tramo. Puxéronse, así, de manifesto os
intereses coruñesistas que temían que se aplazara o traxecto
Ourense-Santiago, inferíndose un rudo golpe ó porto da Coruña, que
podería perde-Ia sua categoría internacional xa que outros portos
rexionais quedarían mellor comunicados mercede ó enlace ferroviario
coa liña Zamora-Ourense. Ademais, a asamblea fixo suas as peticións de
outra asamblea, celebrada no Ferrol o 14 de setembro, no senso de que se
levase a cabo a construcción do ferrocarril da costa (755). De xeito moi
neboento recollíase a moción do Casino Republicano, que fora
ovacionada pola Asamblea, pero segundo denuncia «Ser» (756) a
Mesa ergueu a sesión dun xeito inopinado deixando sen determinar a
forma de cumplimento da devandita proposta, a pesares das protestas dun
sector do público. Deste xeito a manobra dereitista conqueríu evitar
que a Asamblea designase novos representantes. A todo isto, os delegados
de Zamora, Ourense e Vigo retiráronse da asamblea pretextando o «ambiente político y coactivo en que se desarrollaban los
debates» (757), pero en realidade a sua actitude obedecía a intereses
de protagonismo localista e mesmo tamén de política partidaria (758).
A opinión que lle mereceu o P.G. a asamblea da
Coruña foi considerablemente escéptica. A sua postura saíra derrotada,
pero ademais a desunión motivada polas rivalidades políticas e
localistas, amenazaban con esterilizala. O cabo, tiña moitas reservas
sobor de que os deputados dos partidos gubernamentales e os alcaldes
designados gubernativamente renunciaran, chegado o caso, ós seus postos
(759).
A resonancia da asamblea coruñesa non tivo
amplitude dabondo como para evita-Ia paralización dos poucos anacos da
construcción ferroviaria que ainda latexaban co ritmo humano do
traballo das brigadas. O non haber consignación os contratistas estaban
a despedir ós obreiros negándose a continuar adiantando cartos (760).
Carentes de protección social, os traballadores da maior empresa
galega, cal era a da construcción do ferrocarril, tiñan por diante un
inverno no que as perspectivas de continuar percibindo o salario
distaban de seren claras. Estaban xa afeitos ás privacións e
dificultades que lles ocasionaran as repetidas interrupcións da
construcción do trazado de ferrocarril, nos últimos anos. E sabían
que a única solución neses casos era a mendicidade. Por elo recibiron
con grande ledicia a noticia de que no Consello de ministros celebrado
na segunda quincena de novembro acordárase considera-Ias obras do
ferrocarril Zamora-Ourense-A Coruña, de inmediata urxencia (761). Con todo,
a fórmula proposta polo Goberno, consistente en garantizar ós
contratistas o interés das cantidades que anticipasen, distaba de ser
enteiramente satisfactoria, non só para o P.G. que a criticou (762)
,
senón para os propios contratistas. Temos así que ó mediar nadal de
1935 estaban paralizadas máis da metade das obras (763), por canto que os
cáseque tres millóns de pesetas que asignou daquela o Goberno de
Portela Valladares para que proseguiran non foron mais que un mero
paliativo (764). Deste xeito, a coalición do Frente Popular, recibirá
este problema como legado.
NOTAS:
|